Calendario laboral e de días inhábiles

Calendario laboral e de días inhábiles

 

Calendario de días inhábiles – BOE

Información sobre o calendario de días inhábiles

As actuacións administrativas deben realizarse dentro dos prazos e dos termos que se sinalen. Esta regra obriga por igual as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas competentes para a tramitación dos asuntos administrativos e as persoas interesadas nestes, que tamén terán que cinguirse aos prazos sinalados na tramitación dos procedementos administrativos. As actuacións que se produzan fóra de tempo repercuten tanto nos actos —un recurso presentado fóra de prazo é improcedente— coma nas persoas que teñen responsabilidade na formalización dos devanditos actos —aquel funcionario que tarde máis do tempo establecido en resolver un determinado trámite incorre en responsabilidade—.

O cómputo de prazos na tramitación administrativa ten certa complexidade, pois hai que ter en conta tres elementos:

  • a medida do tempo en que o prazo vén dado (días, meses, anos)
  • o día en que comeza a contar o prazo (día inicial)
  • o día en que termina o prazo (día final)

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas recolle no seu artigo 30.7 que a Administración xeral do Estado, con suxeición ao calendario laboral oficial, fixará, no seu respectivo ámbito, o calendario de días inhábiles para os efectos de cómputos de prazos (os sábados excluiranse do devandito cómputo), de acordo co artigo 30.2.

Este calendario debe publicarse para o coñecemento de toda a cidadanía antes do comezo de cada ano e a súa publicación realizarase no diario oficial correspondente e noutros medios de difusión que garantan o seu coñecemento.

De acordo coa Resolución do 28 de setembro de 2016, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, pola que se establece o calendario de días inhábiles para os efectos de cómputos de prazos, no ámbito da Administración xeral do Estado serán días inhábiles, a partir do día 2 de outubro de 2016:

  1. En todo o territorio nacional: os sábados, os domingos e os días declarados como festas de ámbito nacional non substituíbles ou sobre as que a totalidade das comunidades autónomas non exerceu a facultade de substitución.
  2. No ámbito territorial das comunidades autónomas, aqueles días determinados por cada comunidade autónoma como festivos.
  3. Nos ámbitos territoriais das entidades que integran a Administración local, os días que establezan as respectivas comunidades autónomas nos seus correspondentes calendarios de días inhábiles.

Arriba

Cómputo de prazos

O artigo 48 da LRXAPPAC establece o sistema de cómputo de prazos na tramitación dos procedementos administrativos en función de se estes se sinalen en días, meses ou anos:

  • Se os prazos se sinalan en días, enténdese que estes son hábiles e excluiranse do cómputo os domingos e os declarados festivos. Cando os prazos se sinalen por días naturais, farase constar esta circunstancia nas correspondentes notificacións. Os prazos expresados en días contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate ou desde o seguinte a aquel en que se produza a estimación ou a desestimación por silencio administrativo.
  • Se o prazo se fixa en meses ou anos, estes computaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate, ou desde o seguinte a aquel en que se produza a estimación ou desestimación por silencio administrativo. Os prazos por meses e por anos entenderanse naturais, sen descontar os días inhábiles. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Ademais, cando un día fose hábil no municipio ou comunidade autónoma en que residise a persoa interesada, e inhábil na sede do órgano administrativo, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Arriba