Presentación da sede electrónica

Presentación da sede electrónica

 

A Garda Civil comezou o século XXI coa clara aspiración de fomentar e consolidar o uso de servizos telemáticos seguros dentro da comunidade universitaria e nas súas relacións con outras entidades.

As actuacións que conforman este desafío tecnolóxico iniciáronse co plan estratéxico “Cara á Administración electrónica”, aprobado en xuño do 2005, e coa creación dun portal web de Administración electrónica. Este naceu co obxectivo de achegar os servizos de Administración electrónica á cidadanía, así como de provela de todas as ferramentas e coñecementos necesarios na utilización destes, o que constituíu o precedente desta sede electrónica da Garda Civil.

Coa renovación da sede electrónica da Garda Civil, a nosa institución dá un importante paso cara ao cumprimento do mandato imposto no seu día pola Lei 11/2007, do 21 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que lles recoñecía aos cidadáns o dereito a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos. Por outra parte, alíñase co marco normativo actual conformado polas Leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, que permiten sistematizar toda a regulación relativa ao procedemento administrativo e profundar na axilización dos procedementos cun pleno funcionamento electrónico.

A través da nova sede, esta institución pon ao dispor dos cidadáns unha serie de servizos e procedementos (aos que se irán progresivamente engadindo outros novos) nos que a relación cos interesados poderá realizarse en liña, o que supón un considerable aforro de tempo e unha notable redución da documentación que deban achegar.

Desde a páxina principal da sede, pódese acceder directamente ao Rexistro Electrónico, a través do cal se poden presentar os escritos, solicitudes e comunicacións administrativas por vía telemática, de acordo co previsto na Orde INT/2936/2009.

Xunto aos procedementos incorpórase, con vocación de dotar de maior axilidade e transparencia a actuación dos nosos órganos administrativos e de goberno, o servizo “Taboleiro de anuncios”. Ao devandito taboleiro de anuncios pódese acceder durante as 24 horas dos 365 días do ano desde calquera punto de acceso a Internet. Nel publicaranse, con carácter substitutivo ou complementario, segundo se indique, as resolucións e actos administrativos dos órganos e servizos da Garda Civil.

A Garda Civil admitirá, para actuar a través da sede electrónica, sistemas de sinatura electrónica que sexan conformes aos establecidos na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica e que resulten adecuados para garantir a identificación dos participantes e, se é o caso, a autenticidade e a integridade dos documentos electrónicos, e que sexan compatibles cos medios técnicos de que dispón a organización. Os cidadáns poderán utilizar os seguintes sistemas de sinatura electrónica para relacionarse coa Garda Civil: os sistemas incorporados ao documento nacional de identidade, os sistemas de sinatura electrónica avanzada ou recoñecida (incluídos os baseados en certificado electrónico recoñecido), así como outros baseados na utilización de claves concertadas nun rexistro previo como usuario, na achega de información coñecida por ambas as partes ou outros sistemas non criptográficos, nos termos e condicións que en cada caso se determinen.

Os cidadáns poderán poñerse en contacto coa sede electrónica da Garda Civil a través da ”Caixa de correos” da sede electrónica.

Os cidadáns terán á súa disposición na sede electrónica da Garda Civil o software necesario para a súa instalación no ordenador persoal desde o que vaian acceder aos procedementos e servizos da sede. Igualmente, en cumprimento das políticas de accesibilidade, proporcionarase unha explicación para a adaptación na navegación ás necesidades de cada usuario.

A posta en marcha desta sede electrónica non é máis nada que o inicio dun proceso que ten como fin alcanzar unha Administración moderna adaptada á realidade que impoñen as novas tecnoloxías; adaptación non só dos seus medios humanos e materiais, senón tamén dos seus procedementos e formas de actuación. Estamos convencidos de que todo isto redundará no beneficio dos cidadáns que se relacionen coa nosa institución.